Aumenta a demanda de menús saudables nos restaurantes
Oito de cada dez clientes buscan opcións saudables, segundo o Barómetro FOOD 2025
Tamén reflicte que a maioría dos consumidores manteñen o gasto en alimentación malia o encarecemento da cesta da compra
Á hora de comer fóra da casa, cada vez somos máis esixentes, incluso co menú do día.
"A xente o que máis busca é comida caseira. Unhas lentellas, un poliño caseiro, unha lasaña feita aquí, que non sexa conxelada", di José Manuel Martín Ruíz, hostaleiro.
Segundo o barómetro FOOD que se acaba de publicar, oito de cada dez clientes buscan opcións saudables nos restaurantes. "En vez de tomate en brick, que fagan eles a salsa de tomate". "Que a carne sexa fresca e o pescado tamén, verduras, que leve poucos condimentos...", comentan dúas clientas.
A porcentaxe de clientes saudables subiu unhas décimas con respecto ao ano pasado e está a anos luz dos hábitos que tiñamos hai tres décadas. "Daquela xa empezamos a poñer verdura nos pratos e atopábaste coa sorpresa de que a xente as rexeitaba, non as quería, moitas veces ían ao lixo", comenta Javier Outomuro, presidente da Unión de Hostaleiros de Ourense.
Gasto en alimentación
A preocupación por unha alimentación saudable reflíctese tamén na cesta da compra. Catro de cada dez consumidores aseguran que é un gasto intocable.
"Eu en comida non aforro, non ves que estou mantido? Aforrarei noutras cousas, pero en comida non". "En comida non, pero gasto o dobre do que gastaba", comentan dous clientes de supermercado.
O 60 % dos consumidores asegura que destina á alimentación un 20 % do orzamento mensual.