A análise das cámaras de videovixilancia busca aclarar o atropelo mortal na Coruña
Algunhas testemuñas apuntan a que parella atropelada por un autobús urbano cruzou fóra do paso de peóns e co semáforo en vermello
A muller faleceu no acto e o home foi trasladado cun traumatismo cranioencefálico, pero xa recibiu a alta
As cámaras de videovixilancia van ser chaves para saber se a parella atropelada onte polo serán por un autobús urbano articulado nesta céntica rúa da Coruña estaba a cruzar axeitadamente. Os primeiros datos apuntan a que a parella cruzou fóra do paso de peóns e co semáforo en vermello.
A muller, de 54 anos, morreu practicamente no acto. O home, de 60, sufriu un traumatismo cranioencefálico, pero xa recibiu a alta hospitalaria. Mentres, a condutora do autobús precisou asistencia psicolóxica no lugar do accidente.
Os veciños e os comerciantes da zona manifestaron que aínda están impresionados polo accidente. "Saín da casa un pouco despois do accidente e quedeime impresionado coa señora tendida no chan, unha cousa lamentable, moi impresionado", di un veciño.
"Oín un ruído moi grande, tiña unha furgoneta diante e non vin nada, simplemente escoitei. A policía debía de estar pasando porque axiña chegou, e as ambulancias... e o rapaz que traía as cousas á farmacia botou as mans á cabeza e dixo: atropelaron xente", sianala unha vendedora da ONCE.