Atopan sen vida o home que buscaban desde hai catro días en Sada
A Garda Civil localizou o corpo de Celso Pérez Regueiro nunha cala do concello coruñés
O corpo sen vida de Celso Pérez Regueiro, o home de 73 anos que permanecía desaparecido desde o venres en Sada, apareceu esta mañá.
O operativo de procura permanecía activo desde o venres, despois de que os seus achegados rexistraran unha denuncia ante a Garda Civil en Oleiros, e fora visto por última vez na contorna do lugar de Tarabelo, nese municipio coruñés.
Segundo confirmou o instituto armado, ás 11:30 horas da mañá deste martes unha patrulla de seguridade cidadá do posto de Sada localizou o corpo sen vida deste home nunha cala do concello coruñés.
A vítima faltaba da súa casa no lugar de Lorbé dende o pasado venres. Desde entón, un amplo dispositivo de emerxencias con equipos profesionais e tamén voluntarios, trataba de dar con el.