Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comeza o xuízo pola morte de Yoel Quispe no Nadal de 2023

Comeza o xuízo pola morte de Yoel Quispe no Nadal de 2023

Un xurado xulgará tres procesados

A Fiscalía só acusa un deles e pide 14 anos de cárcere como autor material do homicidio

Familiares e amigos de Yoel Quispe este luns ás portas da Audiencia da Coruña (Europa Press/M. Dylan)
G24.gal 31/05/2026 18:12 Última actualización 01/06/2026 10:55

A Audiencia Provincial da Coruña celebra do 1 ao 12 de xuño o xuízo, con Tribunal do Xurado, contra tres mozos acusados da morte de Yoel Quispe, o mozo de 22 anos falecido despois de ser apuñalado na Noiteboa de 2023 na zona da rúa Juan Flórez, na cidade herculina.

En concreto, o 1 de xuño procederase á constitución do Tribunal do Xurado e á exposición das partes presentadas dos feitos que consideran probados ou non. Tras declararen testemuñas, policías e peritos, o día 12 procederase á lectura dos informes finais, con posibilidade dos procesados de exerceren o seu dereito a tomar a última palabra.

O 15 de xuño, entregarase o obxecto do veredicto. Fronte á postura da Fiscalía, con petición de 14 anos de prisión por homicidio para o único mozo que está no cárcere e de sobresemento da causa para outros dous, a familia defendeu desde o inicio que os tres debían ser xulgados por asasinato.

En relación ao seu grao de implicación, consideran autor material do asasinato o mozo que está en prisión e cooperador necesario o que, segundo esta parte, levaba a navalla e lla facilitou ao anterior, con implicación tamén dun terceiro.

Así o recolle tamén o auto, que sitúa o presunto autor da puñalada mortal como responsable de asasinato, o segundo como cooperador necesario deste delito e o terceiro como encubridor, o cal supón unha variación das penas de ata 25 anos de prisión para os dous primeiros, segundo o letrado da familia, e de tres anos para o terceiro.

Os feitos sucederon no centro da Coruña, na confluencia das rúas Sinfónica de Galicia e Juan Flórez, contra as seis e media da mañá do 24 de decembro de 2023. 

Segundo a Fiscalía, no transcurso dunha lea, Yoel Quispe foi agredido con patadas e puñazos que lle causaron traumatismos na cabeza e outras lesións.

O mozo faleceu como consecuencia dunha coitelada mortal que supostamente lle propinou un dos tres procesados, o único que permanece en prisión provisional.

A Fiscalía só acusa este individuo e pide para el 14 anos de cárcere por homicidio. Porén, a familia da vítima acusa os tres procesados de asasinato e pide para eles 25 e 15 anos de prisión. 

Testemuñas da pelexa indicaron que a vítima foi agredida por un grupo de sete ou oito persoas.

O Xulgado do Penal Número 3 da Coruña xa condenou, este pasado mes de abril, dous mozos por agrediren a Yoel Quispe. Os procesados aceptaron nove meses de prisión e pagar 1.500 euros en concepto de responsabilidade civil. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade