As xeracións máis novas son as que maior uso do móbil fan, pero menos falan por el
Un estudo realizado nos Estados Unidos sitúa no 81 % os millenials que nese país din sentir ansiedade antes de facer unha chamada co móbil
O psicólogo Antonio Tova de Llano afirma que se trata máis "dun cambio na forma de relacionarse" que da perda de relacións
Millenials e xeración Z, ou o que é o mesmo, aquelas persoas entre 16 e 40 anos, son os que máis usan o móbil, pero moitos non gustan de falar por el. Outros, malia faceren uso das redes, non o dubidan: seguen a preferir facer e responder chamadas.
Un estudo realizado nos Estados Unidos sitúa no 81 % os millenials que nese país din sentir ansiedade antes de facer unha chamada. A comunicación directa prodúcelles inseguridade. "Desde sempre, ter o móbil é para eles a maneira de comunicarse. E iso implica, ás veces, a falta de destreza na linguaxe, en comunicar verbalmente con alguén con todo o que iso implica xa que é algo moito máis persoal e onde me expoño dunha maneira máis directa", explica o psicólogo Antonio Tova de Llano.
Os expertos din que se trata máis dun cambio na forma de comunicarse que da perda de relacións. Así o entende o psicólogo Antonio Tova de Llano: "Relaciónanse dunha maneira clara, que é a través das redes sociais, e iso logo exteriorízano no parque ou onde sexa, pero o núcleo é aí. Entón, o que mudou é a maneira de relacionarse, pero todos teñen o seu grupo de amigos e máis ou menos as dinámicas xerais seguen a estar iguais".