Pasamos o móbil polo laboratorio: centos de microorganismos escóndense nos obxectos cotiás
Moreas de bacterias proliferan en botellas, friameiras, caixas ou panos de papel
Non son perigosos para a maioría, pero poden afectar as persoas vulnerables
Levamos connosco centos de microorganismos e, a miúdo, non o sabemos. As bacterias poden proliferar en obxectos de uso cotiá, como a botella do ximnasio, a friameira do almorzo e, si, por suposto, o teléfono móbil. Non os vemos, claro, pero quedan ao descuberto cando examinan o aparello nun laboratorio.
A doutora Elena Estévez, xefa de Análise Clínica e Microbioloxía do hospital Povisa de Vigo, fai unha proba: recolle unha mostra dun teléfono e fai un cultivo. O resultado é evidente: na placa, antes deserta, aparecen puntos e liñas brancas.
"O que temos aquí é unha serie de colonias variadas de xermes que poden estar na pel ou poden ser respiratorios".
Moitos son microorganismos que, realmente, chegan con nós: os que se adhiren á pel ou os que expulsamos ao respirar. E que logo pasan a eses obxectos, como o teléfono, que tocamos unha e outra vez. En realidade, non sempre son perigosos pero si poden supoñer un risco para as persoas de saúde vulnerable.
"O normal en persoas que teñen o sistema inmunitario san é que non representen un perigo", aclara o doutor Jorge Cavero, xefe de servizo de Medicina Preventiva o hospital Ribera Povisa de Vigo. "Naturalmente, sempre, sempre, imos avogar pola hixiene".
No caso do teléfono, chegaría con limpalo con alcol. Pero hai que saber como facelo porque o perigo pode estar moi ben escondido.
"No teléfono sempre limpas a pantalla, claro, pero onde se meten máis detritos é detrás da funda"
Os especialistas coinciden: a covid, dende logo, elevou as alertas e fixo que case todos aumentasen as medidas de hixiene. Pero a pandemia vai quedando atrás e dende hai un par de anos nótase certa relaxación nas precaucións.