As universidades galegas buscarán a estabilidade dos investigadores coa reforma laboral
A USC quere estabilizar un cento de investigadores con máis de 6 anos de traballo ininterrompido
En Galicia son 1.500 os investigadores con contratos de obra e servizo que quedan sen validez, 700 deles en Santiago
As universidades buscan unha solución financeira que lles permita dotar de músculo indefinido e constante a actividade investigadora
A reforma laboral, de recente aprobación polo Goberno, impídelles ás universidades continuar cos contratos por obra e servizo para o seu persoal investigador, unha modalidade, asegurou no espazo Bos Días da TVG, Xavier Ferreira, xerente da Universidade de Santiago de Compostela, que se utilizaba porque se financian por medio de proxectos, convocatorias de concorrencia competitiva e duración taxada e limitada.
"Si houbo abuso, pero veu determinado polo sistema de financiamento da investigación do Estado español, tanto nas comunidades autónomas coma polo Goberno. As convocatorias limitadas no tempo impiden facer políticas a longo prazo, e acudir a modalidades ordinarias de contratación, como poden ser os indefinidos ou funcionarios de carreira como sucede no ámbito docente, onde non hai precariedade", explica Xavier Ferreira.
En Santiago son uns 700 os investigadores afectados e 1.500 nas universidades galegas, para un total duns 4.000 contratos anuais deste tipo.
Di Ferreira que as universidades traballan para que no futuro non se perciba un cambio no traballo investigador e si na xestión laboral. Cre que a reforma pode axudar na mellora das condicións dos investigadores.
En Santiago teñen o compromiso de ter unha solución antes do próximo 1 de abril. Cren que é preciso cambiar o modelo de financiamento das universidades.
"A precarización veu determinada pola precariedade no plan de financiamento que debe de ser estrutural e estable, e así só seguirán os contratos temporais que seguen vixentes coa norma laboral. Por exemplo, os contratos indefinidos por plan ou programa ou circunstancias estruturais, que supón indefinición non fixeza", aclara Ferreira.
As universidades como a de Santiago buscan consolidar o emprego polo que consultarán a Facenda sobre a posibilidade de facelo para os contratos anteriores a 2016.
"A USC quere estabilizar un cento de investigadores con máis de 6 anos de traballo ininterrompido na institución académica. Aseguran que merecen o mesmo trato que outros colectivos, polo que preguntarán se poderían, entre outras posibilidades, aplicar a lei de estabilidade no ensino público neste caso", insiste o xerente da USC.
Desde as universidades cren que a reforma abre a porta á estabilidade no traballo investigador, como xa existen escalas, como por exemplo no CSIC, ou funcionarios que se dedican exclusivamente á investigación.
"Pedimos unha solución financeira estable que permita dotar de músculo indefinido e constante na actividade investigadora e, ante o risco financeiro que supón, reclamamos a sensibilidade das administracións coas universidades", di Xavier Ferreira.