As treboadas causaron incidentes no sur de Ourense
Estradas anegadas e auga nas casas en Verín e Sarreaus
Os ríos sen limpar supoñen os maiores problemas
As treboadas afectaron as comarcas de Verín e a Baixa Limia a primeira hora da tarde.
Desta volta só foi auga e non se rexistrou pedrizo, que podería danar os cultivos.
En Sarreaus, a falta de limpeza do río e a eliminación das pontes de acceso ás casas fixeron que o regato Lodoselo rebordase e invadise a estrada. Tamén danou leiras de patacas que quedaron anegadas.
Tamén en Verín, no barrio de Salgueiro, houbo rebordamento da rede de tubaxes que acabou provocando anegamentos en vivendas e garaxes.
Ademais, houbo que cortar o tráfico na Avenida de Portugal pola abondosa auga que invadiu a estrada.
Tamén neste caso os problemas se derivan da mala drenaxe.
En case toda a provincia de Ourense os veciños seguen moi pendentes do ceo porque hai previstas máis treboadas e os anegamentos poderían continuar.