Os térmites esténdense pola madeira das vivendas de varias rúas de Betanzos
Todos os afectados van aplicar os tratamentos precisos para erradicar a praga
O abandono da zona histórica de Betanzos agrava o problema
Unha praga de térmites ameaza varios edificios da zona antiga de Betanzos. Algúns dos afectados xa empezaron a tomar medidas, pero temen que o seu esforzo non solucione o problema, porque din que os insectos se van seguir propagando desde as casas abandonadas que teñen ao seu carón.
Nas edificacións históricas é obrigado manter os materiais orixinais, pero iso, sobre todo en lugares húmidos coma estas Terras do Mandeo, supón todo un reto á hora de preservar a madeira. A ameaza dos térmites aquí é unha constante e o abandono da zona histórica de Betanzos agrava o problema. Na casa de Carmen cebáronse cun soto que non usa, pero tamén na parte na que ela procura manter un bo mantemento e unha vixilancia continua.
Un especialista en pragas inpeccionou a fondo a súa vivenda e a doutros veciños aos que ela alertou, mesmo os que non viven alí acotío. Todos os afectados van aplicar os tratamentos precisos para erradicar a praga, pero temen que o seu efecto vai ser moi relativo dada a realidade urbanística da zona. Entre os que viven nas casas de momento saneadas tamén hai temor a que a praga se estenda.