As pezas máis especiais de Roberto Verino xa se poden alugar
Roberto Verino lanza Black Label
Unha plataforma de alugueiro coa súa roupa máis exclusiva
Só temos que entrar na páxina web de Roberto Verino e xa atopamos a lapela que nos leva a Black Label, á zona destinada a algueiro de roupa.
"O que é intelixente é que eu que non quero gastar unha fortuna nun modelo para un momento determinado, para un día, que poida ter esa capacidade de alugala. O que ofertamos é un servizo onde poñemos na casa do cliente o produto que elixe cuns determinados días para podelo gozar e coa vantaxe de que tanto a recollida como a limpeza posterior xa están incluídos no prezo", explica o deseñador Roberto Verino.
Con esta iniciativa o modisto galego segue fiel á súa filosofía de facer moda sostible e sobre todo facer felices cantas máis mulleres mellor.
"Eu intento que estean guapísimas que se sintan marabillosas e que realmente non vaian distintas a como lles gustaría ser", continúa.
Son pezas especiais, moitas delas reeditadas tras 40 anos de traxectoria profesional e fieis ao estilo Verino.
"O estilo Verino é un produto que está feito con sinxeleza, con funcionalidade e coa intención de que as mulleres sempre estean guapas".