O paraíso litoral de Galicia máis cerca a través do alugueiro de barcos
O turismo náutico gaña presenza en Galicia a través de rutas organizadas e o alugueiro de embarcacións
As empresas ofrecen rutas reducidas a partir de cincuenta euros por persoa
Navegar por primeira vez, adentrarse na inmensidade do océano e das marabillas do litoral galego, é unha experiencia cada vez máis solicitada e que xa está ao alcance de moitos a través do alugueiro de embarcacións recreativas, e deixarse acariñar polas ondas nun veleiro, nunha lancha ou nunha goleta centenaria, como a Evangelina Un, con base en Vigo.
"Dende hai uns anos estilouse facer saídas e experiencias náuticas a bordo de barcos en toda Galicia. Aquí en Vigo temos algo máis de oferta porque están as Illas Cíes ou a illa de San Simón", comenta Xoán Silva, patrón de barco da empresa Bluscus.
A partir da pandemia produciuse un aumento do número de empresas de turismo náutico que comezaron a achegar aos visitantes as marabillas das rías e do litoral galego. Moitas apostaron por enriquecer a experiencia ensinando a tradición dos labores mariñeiros aínda que progresivamente o abano da oferta foi despregándose.
"As Illas Cíes son un reclamo bastante solicitado. O "charter", o alugueiro por horas do barco, para facer algun tipo de eventos ou de celebración no barco, agora en agosto tamén é moi recorrido", apunta Xoán Silva.
Dende cincuenta euros por persoa pódese participar nunha ruta polo parque das Illas Atlánticas. Tamén se pode alugar un veleiro por uns 700 euros a xornada e hai empresas que permiten utilizar a embarcación sen patrón achegando a autorización acreditativa. Todo un xeito de desfrutar dunha das actividades máis antigas da humanidade, sucar os mares.
"Non temos un cliente definido. Saír en barco é algo que gusta a calquera idade", relata o patrón da empresa Bluscus.
Respectando sempre a bravura do océano Atlántico, as empresas que ofrecen estes servizos esperan aumentar no futuro o seu abano de posilidades. E é que o paraíso estate chamando.