As obras do viaduto da AG-53 Dozón-Ourense sobre a A-52 provocan cortes de tráfico desde este luns
Trátase da segunda fase dos traballos para renovar e mellorar os apoios do taboleiro sobre as pilastras do viaduto
As obras de mantemento do viaduto da estrada AG-53 Dozón-Ourense sobre a A-52 provocarán novos cortes de tráfico a partir deste luns, 19 de xaneiro.
Tal e como trasladou a Xunta nunha nota de prensa, as actuacións enmárcanse na renovación e mellora dos apoios do taboleiro sobre as pilas do viaduto, os cales requirirán o izado do taboleiro.
Trátase da segunda fase da intervención, na que se procederá a izar o taboleiro sobre os capiteis das pilas.
Durante esta actuación, cuxa duración se estima entre dous e catro días laborables, será necesario realizar o corte total da estrada.
Neste sentido, ambas as fases deberán repetirse para cada un dos cinco apoios do viaduto, polo que se estima que as obras acaben ao longo da próxima primavera.
Segundo a planificación dos traballos, durante todo o período de execución manterase cortado o carril da AG-53 entre o quilómetro 86,5 e a conexión da AG-53 coa A-52 e a OU-402, e estímase que cada dúas semanas se producira un corte da estrada de tres a catro días de duración.