As obras na autovía do Morrazo obrigarán a circular por un carril nos treitos dos viadutos
As zonas afectadas serán as dos viadutos da Moura, da Fraga e da Mó
A saída 7 da autovía, en Meira, estará pechada para os vehículos que circulen en sentido Cangas
Imaxe de arquivo do acceso ao viaduto da Fraga na AG-46
O martes, 1 de setembro, comezan as obras na autovía do Morrazo que obrigarán a desviar o tráfico nalgúns treitos e a empregar un único carril noutros. As actuacións de mellora faranse nos viadutos da Moura, A Fraga e A Mó, no concello de Moaña, de xeito que a circulación terá que facerse pola calzada do sentido contrario, onde haberá un carril por cada sentido.
Os traballos comezarán no viaduto da Mó, onde os vehículos circularán pola calzada esquerda entre os puntos quilométricos 5+800 e 7+000. Unha vez superada a zona de obra, o tráfico volverá incorporarse á calzada dereita.
Debido a estes cambios, a saída 7 da autovía, en Meira, permanecerá pechada para os vehículos que circulen en sentido Cangas. Os vehículos deberán continuar ata a saída 9 (PO-313) e facer alí un cambio de sentido para regresar á AG-46 en sentido Rande e tomar a saída 7.
Durante as próximas semanas levaranse a cabo os correspondentes desvíos, segundo avancen as obras en cada un dos tres viadutos. Esta intervención na autovía do Morrazo é unha das 17 actuacións planificadas este ano no marco do plan específico da Xunta para inspeccións e conservación de viadutos e pontes, dotado con 13 millóns de euros ata 2029.