As fotos de David Bailey brillan na Coruña con moda, música e retratos
A exposición pódese ver ata o 14 de setembro na Fundación MOP
Dende este ano a institución de Marta Ortega Pérez xa fai dúas grandes mostras ao ano
Contan de David Bailey que namorou de todas e casou coas que puido. Entre elas, con Catherine Deneuve. E o padriño da voda foi un tal Mick Jagger, grande amigo do noivo.
Na nova exposición da Fundación Marta Ortega Pérez atopamos unha das pezas estrela, tal vez a peza central nunha caixa.
"É a súa Box of pin-ups. Son 36 retratos da contracultura londiniense, e hai dende modelos e músicos ata gángsters", indica Leticia Castromil, xerente da Fundación MOP.
E ao mesmo tempo noutra parede vemos os dentes dunha señora raíña, Isabel II. A sorpresa da Dalí. O carácter de Buñuel. O mundo de Fellini.
Acábase convertendo nunha visita moi sensorial, en boa parte pola amizade de Bailey cos músicos. Non só co propio Jagger, tamén cos Beatles. Contemplando os seus retratos semella que escoitamos as voces de Lennon e McCartney, de Jean Birkin e Serge Gainsbourg, de Patti Smith. E moito dos Rolling Stones. En total, máis dun cento de portadas de discos firmou David Bailey.
Ademais, estas exposicións que unen o concepto da moda e da cidade da Coruña non só se consolidan, senón que soben a aposta. Agora, a Fundación MOP fai xa dúas grandes mostras ao ano.
"Para o outono temos outra. Pero non che vou contar de quen", di Leticia Castromil.
De momento podemos gozar da obra de David Bailey, que é quen de conxelar a vertixe da moda e da vida.