Publicador de contidos

Publicador de contidos

As florerías do cemiterio de San Amaro quéixanse polos precintos dos temporais

As florerías do cemiterio de San Amaro quéixanse polos precintos dos temporais

Din que as vendas baixan ata un 90 % porque os clientes pensan que o camposanto está pechado

Piden que o concello faga un mantemento axeitado das árbores da entrada para previr riscos

G24.gal 30/03/2023 14:08

Está previsto que o vento sopre forte hoxe e mañá na Coruña, así que estes precintos impiden a entrada na porta principal do cemiterio de San Amaro. O acceso lateral está aberto, pero moita xente non o sabe e marcha, afundindo as vendas das florerías da contorna.

"Abren o lateral, pero non está indicado, a xente ten que adiviñalo, e aínda que o saiban, as vendas caen un 90 %", di Pablo Gillén, da florería Guillén.

"A xente vén no bus, veno pechado e marchan porque nada indica que estea aberto. As vendas caen case a cero, baixan un 80 ou un 90 %", comenta Jorge Calviño, de Flores Jorge.

"Moita xente marcha e outros veñen preguntar ás nosas florerías se pechou o camposanto", engade Eva Fariñas, de Arte Floral Calo.

A situación repítese cada vez que hai temporal. Por iso, nas florerías piden que o Concello sinale claramente que hai unha porta alternativa, ou ben que faga un mantemento das árbores centenarias da entrada para que non teñan risco de caer co vento.

"Non queremos que os quiten, ao revés, queremos máis árbores que son pantalla natural para o vento e esta zona é moi ventosa", di Eva Fariñas.

"Se o problema é algunha póla concreta que a poden, o que non entendemos é que pechen a porta e non a beirarrúa baixo as árbores", pide Pablo Guillén.

"Eu creo que por non podar as árbores poñen a cinta e cúranse en saúde", lamenta Jorge Calviño.

Din que este problema se suma ao da dificultade para estacionar na zona. Outra das cuestións que, aseguran, trae de cabeza os visitantes do cemiterio e os negocios que o rodean.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade