As fichaxes tampouco mudan a dinámica do Obradoiro (78-77)
Os de Moncho Fernández estragaron quince puntos de vantaxe no segundo cuarto
Unha canastra de Marcos a 2 décimas do final deulle o triunfo a Xirona
A estrea das fichaxes Timma e Strelnieks tampouco mudaron a dinámica dun Obradoiro que perdeu diante dun rival directo como o Xirona, que escapa con tres vitorias de marxe. E iso que no segundo cuarto chegou a ter unha diferenza de quince puntos.
Os primeiros 17 minutos de Obradoiro foron para enmarcar. O equipo funcionaba en defensa e en ataque (6-21) con Zurbriggen e Strelnieks facendo dano no exterior e Pustovyi mandando na pintura. A 3:10 para o descanso a diferenza era de quince puntos (22-37). Aí comezou a cambiar a dinámica do partido cun parcial de 9-0 antes do descanso (31-37).
Achegouse o Xirona (44-46) pero un 0-7 devolvía a tranquilidade aos obradoiristas. Non houbo continuidade en ataque e o Basquet Xirona poñíase por diante a pouco de rematar o terceiro cuarto (55-54). No último acendéronse as alarmas cando os locais marcharon por seis puntos (67-61). Apareceu Rigoberto Mendoza para remontar (70-72) e o encontro encamiñouse a un final tolo.
No Xirona Chery anotou dúas triplas e o Obradoiro respondeu con bos ataques para entrar nos últimos 24 segundos en vantaxe grazas a unha canastra de Pustovyi (76-77). Decidiuse no último segundo grazas ao acerto de Marcos (78-77) a dúas décimas do final.