As farmacias de Pontevedra, aliadas na loita contra o mosquito tigre
Os locais participarán nunha rede de alerta para avaliar o aumento de picaduras e determinar se son deste insecto, posible transmisor de enfermidades
Ademais trasladaranse recomendación á cidadanía e fomentarase o uso da app Mosquito Alert
Imaxe de arquivo dun mosquito tigre
As farmacias de Pontevedra formarán parte dunha rede de alerta temperá que permitirá coñecer os posibles incrementos significativos de picaduras de insectos e avaliar se son de mosquito tigre.
É a principal acción da campaña que a Consellería de Sanidade e o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra presentaron este venres na cidade.
Con esta campaña, ambas as partes destacan a importancia que ten a colaboración cidadá para o control deste vector de enfermidades como os virus do dengue, chikungunya ou zika.
Mediante esta iniciativa trasladaranse á cidadanía as recomendacións para non contribuír á proliferación do mosquito tigre, evitar a súa picadura e fomentar o uso da app Mosquito Alert.
Esta aplicación permite enviar fotografías de mosquitos detectados, posibles lugares de cría e mesmo picaduras de mosquito para que sexan validadas por expertos do Consello Superior de Investigacións Científicas e da Rede Galega de Vixiancia de Vectores.
O ano pasado reportouse a presenza do mosquito tigre nos concellos de Moaña, Vigo, Cangas, Redondela e Vilaboa.
A vixilancia establecida pola rede abarca este ano máis concellos da contorna co fin de estudar a posible expansión do mosquito tigre.
No que vai de ano 2024, só foi detectada a presenza deste insecto, a través da aplicación Mosquito Alert, en Moaña e en Vigo, mentres que no trampeo da rede só se detectou nas mostras recibidas do concello de Moaña.