As empresas de cogomelos din que a falta de chuvia estragou a campaña
Á escaseza de precipitacións súmanse agora as xeadas
As empresas comercializadoras de cogomelos hai esta campaña menos movemento do habitual.
Luz Divina Castelo é xerente dunha empresa comercializadora de cogomelos: "comenzamos a campaña a mediados de setembro, pero non acaba de arrancar. Todos os días hai algún cogomelo, pero moi pouco e nace esporado. O champiñín que se paga ben, diso non hai nada".
Os recolectores chegan a contagotas, traen poucas caixas e poucos quilos e é que sinalan que este ano está sendo moi malo e non hai cogomelos aos que botarlles a man.
"Boletus non houbo nada e linguas e cantarelas moi pouquiño, acabo de traer só cinco quilos, non hai". "Non é un ano bo coma outros anos", contan os recolectores.
Din que a escaseza de choiva dos últimos meses non axudou e que a isto se suman agora as xeadas. "Xa levamos dúas campañas malas e esta en concreto é horrible. As xeadas aféctanlle especialmente ao boletus, que é a reina dos cogomelos, e non axudan a que saia".
Malia que o ano pasado tamén foi regular todos coinciden en que hai anos que non se daba unha campaña tan mala como a que está a sufrir desta volta.