As confrarías galegas piden unha rebaixa mínima de 0,35 por litro de combustible
Tamén reclaman a exención das cotas da Seguridade Social ata o mes de xuño
De non atenderen as súas demandas, valoran "medidas máis contundentes"
A Federación Galega de Confrarías solicitará ao Ministerio de Pesca unha rebaixa como mínimo de 0,35 céntimos por litro de combustible para os profesionais do sector.
Acordou a petición tras unha reunión extraordinaria e urxente, celebrada no concello de Ames, para analizar a situación do sector pesqueiro co impacto da escalada dos prezos dos carburantes.
Na xuntanza tamén acordaron reclamar a exoneración das cotas da Seguridade Social, como mínimo ata xuño, aspecto revisable a partires dese mes.
"O que máis necesitamos agora mesmo é a baixada do combustible, ao limite que sexa competitivo para traballar, e a exoneración da Seguridade Social (...) porque se temos que parar e ir ao paro todos, gastaríase o dobre", asegura José Antonio Pérez, presidente da Federación Galega de Confrarías.
O sector levantaba o paro da frota este pasado mércores tras manter unha xuntanza co Ministro de Agricultura e Pesca, agás os pósitos de Bueu e de Portonovo, que este domingo manterán unha reunión na lonxa para decidir se retoman ou non a actividade.
"O sector ten que estar cada vez máis unido. Entendemos que a situación é complicada, que seguramente quererán darnos un caramelo, ou ao mellor aínda non nolo dan, e déixannos chuchar del para darlle un anaco ao outro, que o entendemos. Pero o que non podemos é seguir nesta situación, saír ao mar a perder cartos", matiza José Manuel Rosas, patrón maior de Bueu e presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra.
O paro xeral da frota segue condicionado ao que se decida o martes vindeiro.
"Se non son medidas concretas e contundentes imos ter un problema a partir do martes, un problema serio ademais", puntualiza o presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, Basilio Otero.
Ademais, participarán na reunión da Federación Nacional de confrarías a vindeira semana despois da reunión co ministro de Pesca, para examinar as propostas do Goberno. De "non seren atendidas" as súas reclamacións "valorarán outras medidas máis contundentes", advirten.