Os poliquetos, outro recurso do mar para comercializar en Galicia
A universidade da Coruña publica un dos primeiros estudos sobre o uso dos poliquetos para a pesca recreativa
A demanda deste cebo converte a súa extracción nun complemento a outras actividades pesqueiras
Investigadores da Universidade da Coruña desenvolveron unha das primeiras investigacións sobre a pesca de poliquetos en Galicia. A extracción de miñocas de area para comercializalas como cebo para a pesca recreativa é xa un negocio que xera 300.000 euros ao ano.
Catro especies de poliquetos son as que se extraen en 20 plans de explotación dun terzo das confrarías galegas. Ante a escaseza dos recursos marisqueiros tradicionais, a captura e a comercialización das miñocas de area pasan a ser un complemento para algúns traballadores do mar.
"Os poliquetos é un grupo moi numeroso. Hai como 120.000 especies, pero en Galicia pódense explotar catro. Tres delas habitan o intermareal e a outra especie é submareal", asegura Lucía Couceiro, profesora na Facultade de Ciencias da UDC
"Quen os apañan son mariscadores comerciais que se encargan de apañar o poliqueto e vendelo a distribuidores que poden ser incluso tendas de pesca recreativa. A nivel comercial é unha pesqueira relativamente novidosa, dos últimos vinte anos pero é cada vez máis importante", explica Pablo Pita, investigador do CICA da UDC
Como recurso comercial boa parte do poliqueto galego expórtase fóra.
"O que din os nosos pescadores de lecer é que co poliqueto autóctono pican mellor que co que vén de fóra. Non sei se ten que ver coa alimentación ou se é porque é o sabor ou a morfoloxía aos que está afeito o noso peixe", di Lucía Couceiro.
A especie máis cara ten un prezo de 70 euros o quilo, pero compite cos poliquetos importados de Corea ou América que son máis duradeiros.
Os estudos que continúan realizando afondarán no impacto que pode ter a extracción no ecosistema onde viven ante a demanda que hai para poder mellorar a conservación da especie.