A chuvia impulsa as vendas e servizos en varios sectores
Entre os máis beneficiados están os taxis, as tendas de electrodomésticos e os talleres mecánicos
Os continuos días de chuvia convertéronse nunha oportunidade para distintos negocios que están a ver como soben os seus ingresos. Un dos máis beneficiados é o transporte público.
"Nótase de luns a venres. A fin de semana, se chove, a xente fai plans na casa". "Podes facer tres ou catro servizos máis nas horas punta", comentan os taxistas.
Tamén os talleres mecánicos, porque ben é sabido que o risco de accidentes aumenta cando as estradas están molladas.
"O que piden é un pneumático que vaia ben os días de chuvia e neve. A xente colleu medo e non quere quedar tirada na estrada. Estamos vendendo entre un 15 ou 20 por cento máis do habitual", explican o propietario dun taller.
Incremento de vendas tamén nas tendas de electrodomésticos.
"Este mes estanse a vender moitos deshumidificadores. Levamos un mes e medio que non para de chover. Pero tamén o tema de calefacción. Quédanos só o exposto e levamos repoñendo dúas ou tres semanas tanto unha cousa como a outra".
É unha das solucións para evitar o mofo e os malos cheiros. Pero hai tamén quen busca outras para, por exemplo, non ter a roupa días e días nos tendais dentro da casa.
"Recorro ás lavanderías industriais, que teñen máquinas grandes e en pouco tempo podes secar moita cantidade de roupa".
Con todo, a chuvia persistente que estamos a sufrir non sempre benefician todos os sectores. A hostalaría ou o turismo poden resultar danados.