Publicador de contidos

Publicador de contidos

As casas de pedra, refuxio durante esta vaga de calor

As casas de pedra, refuxio durante esta vaga de calor

A arquitectura tradicional, referente de sostibilidade, temperada no verán e no inverno

A pedra, a madeira, a orientación das casas e de portas e ventás protexen da calor 

G24.gal 07/08/2025 14:42

Teñen a receita máxica para cando o sol aperta con máis forza. 

"Pola mañá levántome e vou regar e despois veño e métome na casiña, ao fresco. Na casa de pedra vívese moi ben, no inverno e máis no verán".

"Nós temos casa de pedra e pola mañá pechamos todo e pola tarde estás de marabilla. Saes para fóra e iso é horroroso".

Horroroso, si!, pero cos termómetros por riba dos 30 graos en boa parte de Galicia, a pedra convértese nun auténtico refuxio climático, co valor engadido do atractivo turístico.

"Nada máis están facendo o 'check-in' ou cando van ao cuarto preguntan se está o aire acondicionado posto porque notan moito o fresco de vir de fóra. Imaxina onte a 33 graos fóra e dentro a 21-22", explica Irene Rodríguez, encargada da Ribeira do Tambre.

"Entras e é como se tiveses o aire acondicionado pero sen telo. No inverno só temos a clásica cociña de ferro de toda a vida, dende hai moitos anos", coincide outra rapaza. 

Nin calefacción nin aire acondicionado. Un referente de sostibilidade porque a casa tradicional galega pensouse para manter unha temperatura morna.

"Esas casas que teñen a orientación cara ao leste, con esas entradas con ventilación natural á casa. É unha marabilla porque cando vai calor, ao entrar na pedra, hai unha diferenza como de sete graos".

"Nunha casa tradicional partes xa dun sistema que ten moita inercia térmica, estable ás diferenzas de temperatura que poida haber. A disposición das portas de acceso permite ventilacións naturais moi interesantes, a madeira combina moi ben coa pedra e usábase nas carpinterías", resalta Carlos Campos, arquitecto.

Sabían o que facían.

"Todos os elementos que rodean as construcións: a vexetación, as edificacións auxiliares xeran sombras", engade Campos. 

E unha vez dentro, e ao fresco...

"Son moi agradables acusticamente. Non só a temperatura, tamén o son é moi agradable. A música soa diferente", enfatiza o propietario dunha casa de pedra reformada. 

É o premio para os que apostaron por manter a arquitectura tradicional, a casa de pedra de sempre, que nun tempo se viu desprazada polo ladrillo e o cemento pero que hoxe volveu recuperar o valor merecido.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade