Publicador de contidos

Publicador de contidos

As borrascas enchen Vigo de fochancas

As borrascas enchen Vigo de fochancas

Veciños do Couto San Honorato quéixanse do mal estado dos accesos ás súas casas

A rúa Casal segue pechada logo de que un camión do lixo caera nun buraco no pavimento

G24.gal 11/02/2026 14:10

A sucesión de borrascas e a forte chuvia están a deixar as rúas de Vigo coma queixos de Gruyère. Están a multiplicarse as fochancas en distintos puntos da cidade, con sucesos coma o de onte, en que un camión do lixo quedou atrapado nunha delas.

O interior da rúa Couto San Honorato, detrás da Cidade da Xustiza, estase a afundir. Os veciños levan anos denunciando as fochancas que case lles impiden o paso ás súas casas, e que tiveron que arranxar facendo apaños eles mesmos. Os días de moita chuvia mesmo teñen que cruzar subindo ao muro das propiedades. Levan presentando reclamacións dende o ano 2023.  O acceso ás casas foi especialmente complicado estes días que a chuvia anegou o camiño e o fixo intransitable.

Fochancas tamén sinalizadas en pleno centro de Vigo, como entre as rúas Vázquez Varela e Pizarro que complican a circulación. E susto o que levaron onte os traballadores do servizo do lixo que caeron co seu camión nun buraco na rúa Casal. A Policía Local pechouna tras ceder o asfalto por mor das chuvias e para evitar un colapso total da estrada. Os operarios traballan xa arreo para arranxar a rúa, e que o tráfico permanecerá pechado ata garantir a total seguridade do firme.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade