Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aviso laranxa este mércores por vento na Coruña e Lugo, choiva en Pontevedra e ondada

Aviso laranxa este mércores por vento na Coruña e Lugo, choiva en Pontevedra e ondada

A nova borrasca Nils deixará refachos de ata 100 quilómetros por hora no noroeste da Coruña e A Mariña de Lugo.

EFE/Cabalar EFE/Cabalar
G24.gal 10/02/2026 21:50

 A Xunta activará este mércores o aviso laranxa por vento no noroeste da Coruña e A Mariña lucense, por choiva no interior de Pontevedra e por temporal costeiro en todo o litoral galego.

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes informou dos novos avisos nun comunicado este martes, cando se atopa activo un aviso laranxa por choiva no interior de Pontevedra e outro por temporal costeiro na Coruña e Lugo.

O mércores espérase a chegada dunha nova borrasca de gran impacto, Nils, que segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) deixará refachos de ata 100 quilómetros por hora desde media mañá no noroeste da Coruña e A Mariña de Lugo.

Nestas zonas, a Xunta lembrou a importancia de seguir as medidas de protección, como retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e xanelas e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, árbores, paneis publicitarios e obxectos susceptibles de desprazarse co vento.

Doutra banda, manterase o aviso laranxa por choiva no interior da provincia de Pontevedra, ante o que a Xunta pediu circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas asolagadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.

Suspendidas as actividades exteriores dos colexios en concellos de Pontevedra, Coruña e Lugo

Debido a estes avisos, quedan suspendidas durante todo o mércores as actividades no exterior dos centros educativos nos 16 municipios do interior de Pontevedra, os 38 do noroeste da Coruña e os 15 da Mariña.

O fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa que afecta este martes o noroeste e o oeste do litoral da Coruña e que tamén alcanzará a costa de Lugo estenderase a partir das primeiras horas do mércores a todo o litoral galego.

Este fenómeno presenta mar combinado do oeste con ondas de ata seis metros, que durante a tarde poderán chegar a oito metros, e vento do suroeste ou do oeste de ata forza 8.

Ante o temporal costeiro, a Xunta lembrou a importancia de manterse afastado da liña de costa, extremar as medidas de seguridade ao realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade