Un hostal desaloxado e varias estradas cortadas no Salnés pola enchente do Umia
Os bombeiros rescataron cun camión os dous hóspedes dun hostal de Meis
Continúa o risco de inundación, especialmente no paso do Umia por Ribadumia
É a segunda vez en 15 días que os bombeiros teñen que desaloxar un hostal de Meis. Os dous hóspedes que había dentro foron rescatados na tarde de onte cun camión forestal.
"Non podían saír, nesta explanada había uns 30 centímetros de auga, o hostal está nunha zona baixa na que entra auga do río. A través do 112 e a Garda Civil xa pedimos o peche do establecemento ata que rematen os episodios de inundacións", explica Pachi Mariño, sarxento do Consorcio Provincial de Pontevedra.
A pouca distancia do hostal, xa nos concellos de Vilanova e Ribadumia, a crecida do Umia obrigou a cortar varias estradas secundarias. É o caso desta vía que une Baión con Ponte Arnelas, impracticable polas inundacións.
"Esta estrada está moi preto do río. Cando hai enchentes é moi perigoso aventurarse, aquí pode parecer que non hai tanta auga pero máis adiante tes risco de quedar tirado co vehículo", di Eugenio López, policía local de Vilanova de Arousa.
Os viñedos quedaron completamente anegados e activouse o nivel laranxa por alto risco de inundacións nesta zona para as próximas horas. Así que toda precaución é pouca neste último treito do Umia.
"O meu consello é non pasar por este tipo de estradas, tampouco con coches grandes. Como che entre auga no 'faldón', o vehículo flota coma un barco e vaste", engade José Manuel Vázquez, voluntario de Protección Civil de Ribadumia.
É importante respectar os precintos e buscas vías alternativas, tendo en conta que chove sobre anegado e o vento tampouco axuda a unha circulación segura.