Un incendio forestal en Murcia obriga a desaloxar un campamento scout
O lume comezou ao mediodía pero, avivado polo vento intenso, acadou unha fronte de dous quilómetros
No operativo de extinción participan 150 persoas, dous hidroavións e xa está autorizada a UME
Un incendio declarado este mediodía no parque natural da serra de Espuña, en Murcia, leva xa queimado unhas catrocentas hectáreas e obrigou a desaloxar un campamento cuns oitenta nenos.
O lume presenta unha fronte de dous quilómetros, avivado polo intenso vento na zona, e xa acadou o nivel dous de emerxencias. Ademais dos nenos e os seus monitores, que pertencían a un grupo scout, tamén se desaloxou unha granxa por precaución.
Nos labores de extinción participan unhas 150 persoas, dous hidroavións e xa está autorizada a incorporación da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Seguindo a evolución do lume, acudiu o presidente da comunidade de Murcia así como os alcaldes dos concellos afectados, que confían en que a forza do vento diminúa e facilite os traballos de extinción.