Unha focha nunha estrada de Cervantes obrigará escolares a camiñar un tramo para coller o autobús
A Deputación restrinxe o tráfico pola LU-P-1402 ao resto de vehículos
Unha focha rexistrada na estrada LU-P-1402, que une San Martiño da Ribeira con Vilaquinte por Quindous, en Cervantes, obrigará os escolares da zona e as súas familias a desprazarse camiñando un tramo para salvar o dano causado polo temporal na vía e poder coller o autobús.
Nun comunicado, a Deputación de Lugo explicou que, debido aos danos orixinados polas intensas choivas á altura da parroquia de Vilaver, a institución provincial mantén restrinxido o tránsito por esta vía ao resto de vehículos. Con todo, permitirá, exclusivamente, o paso do transporte escolar co fin de evitar desprazamentos alternativos excesivamente longos.
Deste xeito, as familias deberán cruzar un tramo camiñando -na zona que resultou máis danada- para posteriormente subir os nenos e nenas ao transporte escolar.
A Deputación explicou que mobilizará desde primeira hora da xornada a operarios provinciais co obxectivo de garantir as máximas condicións de seguridade para os veciños e veciñas.
Os informes técnicos realizados sinalan que a vía non reúne as condicións adecuadas para garantir unha circulación ordinaria, polo que o resto de vehículos non poderá facer uso desta estrada mentres se manteñan estas circunstancias.
A circulación autorizada queda limitada exclusivamente ao bus escolar. Así mesmo, a institución provincial estableceu itinerarios alternativos, debidamente sinalizados, e fai un chamamento aos veciños e aos usuarios da vía a que extremen a precaución e respecten a sinalización provisional instalada.
A Deputación asegurou que está a axilizar os trámites para que as obras poidan realizarse canto antes.
Varias aldeas de Cervantes permanecen illadas
O desprendemento de terra deixou cortada a estrada que une san Martiño de Ribeira con Vilaquinte, en Cervantes. A vía, que se derrubou entre Vilaver e Quindous, une distintos núcleos de poboación con San Román, polo que agora a veciñanza ten que dar un rodeo duns 40 quilómetros para chegar ata a capital do concello.
"Case levou a metade da calzada. O terreo abrandouse, como vai abrandándose todo, e marchou, porque os temporais son duros, un tras doutro, con moita auga, e á parte nesta montaña nevou seguido. Baixa moita auga e termina facéndonos estas cousas", sinala Eduardo Pérez, encargado de obras do Concello de Cervantes.