Publicador de contidos

Publicador de contidos

A N-640 desintégrase ao seu paso pola Estrada

A N-640 desintégrase ao seu paso pola Estrada

A Estrada soporta unha densidade de tráfico medio de 5.000 vehículos diarios

Demanda unha variante que saque o tráfico pesado do centro da vila

N-640 que conecta Galicia e Asturias, ao seu paso polo centro urbano da Estrada
G24.gal 11/02/2026 14:39

"Iso parece unha corredoira en vez de parecer unha estrada, está todo cheo de fochancas e todo feito unha desgraza".

"Parchean de vez en cando pero coa choiva non para a area, non para", comentan uns veciños da Estrada.

Os veciños da Estrada están fartos de remendos. E é que a Nacional 640 semella un campo minado, con fochancas que ás veces custa sortear. 

"Xa hai tempo que está mal, pero con estas choivas moito peor, púxose peor".

"Eu nunca vin esta estrada tan mal, pero aquí hai unha cousa que por exemplo no medio da Estrada hai moito tráfico".

Unha vella demanda do Concello é facer unha variante que desvíe do centro urbano os máis de 5.000 vehículos que o transitan cada día.

"Facías por aquí un boulevard, mellorabas as beirarrúas, e isto gañaba moito, ehh".

"Debe ser dos poucos centros urbanos de máis de 20.000 habitantes, de concellos de máis de 20.000 habitantes, de España que están atravesados por unha vía nacional sen unha variante", explica Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada.

O ano pasado fixéronse neste tramo pequenas intervencións que para a veciñanza foron insuficientes.

"Aplaudimos no seu momento dende o Goberno municipal que se fixeran estes arranxos pero téñense que seguir facendo", continúa o alcalde.

En xeral todas as vías están afectadas polas choivas deste inverno, pero cando se trata de tramos de moita intensidade de tráfico o problema agrávase.

"Van facer que as administracións teñamos que arrimar moito o ombreiro para mellorar a seguridade e mellorar a capa de rodadura de todas as estradas pero na N-640 chove sobre mollado. A N-640 xa estaba en moi mal estado e fai que as choivas destes últimos meses fai que a seguridade por esta estrada e en particular polo concello da Estrada sexa un auténtico perigo", conclúe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade