Investigan se o desvío do avión de Palma se planificou nun grupo de Facebook en Marrocos
As autoridades seguen buscando doce persoas fuxidas
Está previsto que os outros doce detidos pasen o luns a disposición xudicial
Continúa a investigación sobre o desvío do avión con destino Istambul ao aeroporto de Palma. O incidente puido xestarse a través dun grupo de Facebook de mozos marroquís. As autoridades seguen a buscar doce persoas fuxidas, as outras doce detidas pasarán este luns a disposición xudicial.
A investigación céntrase agora en determinar se o incidente coa entrada ilegal en España de máis dunha vintena de persoas foi planificado e xestado a través de Facebook.
O grupo desa rede social, chamado Brooklyn, está sendo investigado polo desvío o pasado venres a Mallorca dun avión con destino Istambul.
Ese grupo de Facebook ten arredor de 15.000 seguidores, mozos marroquís, que xa no mes de xullo, supostamente, planificaban realizar unha operación semellante á acontecida o pasado venres.
Falaban de necesitar 40 voluntarios que reservaran un voo con destino Turquía que sobrevoara España. Tamén explicaban que un pasaxeiro tería que simular unha enfermidade para aterrar de emerxencia. Despois, todos fuxirían aproveitando esa situación. Exactamente como pasou en Mallorca.
Un administrador dese grupo de Facebook confirmaba á axencia EFE esa publicación, pero aseguraba que se trataba dunha "broma", e non coa intención real de xestionar unha tentativa de migración ilegal.
As autoridades seguen buscando doce persoas fuxidas. Está previsto que as outras doce detidas pasen este luns a disposición xudicial.