Arranca en Ortigueira o Festival Internacional do Mundo Celta
Alfonso Rueda participou na inauguración do certame e púxoo como exemplo da Galicia aberta e orgullosa das súas raíces
Gwendal, Bottine Souriante, do Canadá ou a emblemática formación galega Milladoiro, algúns dos grandes protagonistas
Este ano conmemórase o medio século de vida da escola de gaitas de Ortigueira e os 30 anos da recuperación do festival
En Ortigueira arranca o Festival Internacional do Mundo Celta, que se vai prolongar ata o vindeiro domingo. As rúas da vila comezaron xa a encherse de xente e música. Este ano conmemórase o medio século de vida da escola de gaitas de Ortigueira e os 30 anos da recuperación do festival.
Alfonso Rueda participou na inauguración do certame e púxoo como exemplo da Galicia aberta e orgullosa das súas raíces.
"Este é un festival que se identifica co pobo, un festival que está con máis forza ca nunca, festa de Interese Turístico Internacional. É a identificación desa Galicia Calidade que tanto hai que exportar ao mundo", asegurou o presidente da Xunta.
O Mundo Celta arrinca con forza, xa que a noite deste mércores xa inclúe no seu cartel o grupo bretón Gwendal, pero tamén se espera con ganas a Bottine Souriante, do Canadá, ou a emblemática formación galega Milladoiro.
Na xornada de despedida, na mañá do domingo, o Desfile das Nacións Celtas, pero queda tempo ata entón, días nos que exposicións, pasacalles ou talleres enchen rúas, prazas e algúns dos seus inmobles con máis historia.
Con pouco máis de 5.000 habitantes, a metamorfose anual de Ortigueira regresou de novo por obra e graza do seu Festival Internacional do Mundo Celta, unha pinga no deserto dos grandes certames musicais do verán, xa que mantén a esencia de cita gratuíta e popular coa que naceu en 1978.