Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Festival do Mundo Celta comeza esta tarde en Ortigueira cos seus primeiros concertos

O Festival do Mundo Celta comeza esta tarde en Ortigueira cos seus primeiros concertos

Desde as nove da noite e ata a madrugada, os concertos repartiranse entre o escenario principal e o recinto da Vila Celta

Arquivo. TONI REGO / FESTIVAL DE ORTIGUEIRA Arquivo. TONI REGO / FESTIVAL DE ORTIGUEIRA
G24.gal 08/07/2026 16:39

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira comezará na tarde deste mércores cos seus tres primeiros concertos, que darán paso á xornada de inauguración oficial do evento.

As formacións Mirlo, Os Netos do Escribano e Arthur & Kerran actuarán desde as oito da tarde e ata a madrugada no recinto da Vila Celta. 

O municipio orteguense, de apenas 5.400 habitantes, multiplicará o seu número de residentes ata o domingo, co piñeiral da praia de Morouzos como lugar de acampada de boa parte dos visitantes.

A xornada do xoves incluirá o primeiro pasacalle, con inicio ao mediodía, momento no que tamén comezarán os obradoiros de baile tradicional e se desenvolverán outras tres actuacións no centro urbano.

Tras unha actuación da banda local de Ladrido e un obradoiro de baile irlandés, xa pola tarde, a programación completarase cunha proxección audiovisual e as intervencións da Bagad de Vannes Melinerion e do Grupo de Gaitas Axóuxere de Roupar, previas á inauguración oficial, fixada para as oito da tarde na praza de Isabel II.

Desde as nove da noite e ata a madrugada, os concertos repartiranse entre o escenario principal e o recinto da Vila Celta, coas actuacións de Gamelas e Anduriñas, Os Carecos, Leni Pérez & Sekadra, JDC, Ailá, Aérokorda, Lúnasa e Noon.

As orixes do Festival de Ortigueira remóntanse ao ano 1978 e na súa organización participan o Concello de Ortigueira e institucións e entidades privadas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade