Arden tres veces en catro días os mesmos colectores do lixo en Ourense
A Policía Xudicial está a investigar as causas destes incendios e, malia que están abertas todas as hipóteses, sospeitan da intencionalidade
Os axentes están inspeccionando as cámaras de seguridade que hai na zona
Dende o venres producíronse tres incendios no mesmo sitio e á mesma hora, de madrugada
O máis grave afectou un vehículo e varios negocios. Os outros foron menos virulentos.
Os comerciantes e veciños do barrio da Ponte en Ourense non o podían crer, outra vez o Concello repoñendo os colectores do lixo, un deles volvera arder de madrugada.
É a terceira vez que arden estes colectores, sempre os mesmos e á mesma hora, sobre as cinco da madrugada. A segunda vez que arderon foi a que máis danos ocasionou.
As lapas ademais de queimar parte dun coche que estaba aparcado ao carón dos colectores, lle afectou a varios negocios, entre eles unha barbería. O dono asegura que estivo unha mañá enteira sen luz e quedou sen rotulo e sen alarma.
As tendas do lado tamén quedaron afectadas, pero en menor medida. Á dona dunha tenda de roupa entroulle gran cantidade de fume na tenda.
E unha vivenda particular tamén se viu afectada pola virulencia das lapas. Escacharon os cristais da ventá do primeiro andar. Os veciños están alarmados.
A Policía Xudicial está a investigar, e baralla a posibilidade de que estes incendios sexan intencionados, aínda que están abertas todas as hipóteses. Os axentes están inspeccionando as cámaras instaladas pola zona para aclarar o acontecido.