Arden dúas toneladas de baterías no Centro Tecnolóxico de Automoción no Porriño
As baterías estaban almacenadas en colectores que teñen un sistema de autoapagamento que, por razóns que se descoñecen, non funcionou

Dúas toneladas de baterías almacenadas en colectores arderon este martes no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), no Porriño, na tarde deste martes.
Segundo informa o 112 Galicia, estes recipientes teñen un sistema de autoapagado, que, por razóns que se descoñecen, deixou de funcionar, polo que as baterías entraron en reacción e comezaron a arder.
Os bombeiros apagaron un lume sen consecuencias nin para a poboación nin para a contorna. A alerta recibiuse no 112 pasadas as 14,00 horas a través do persoal de seguridade da empresa, situada no polígono da Granxa.
Segundo explicaron os efectivos do parque comarcal do Porriño, a cantidade de auga empregada na extinción foi mínima porque optaron por mergullar as baterías en recipientes cheos de auga. Deste xeito, conseguiron a extinción completa.
Con todo, o persoal da empresa afectada manterá a vixilancia. Así, a intervención deseñada polos bombeiros permitiu reducir ao máximo as augas de extinción e, por tanto, o risco de contaminación.
O operativo de emerxencias estivo composto por Bombeiros do Porriño e do Morrazo, Protección Civil da localidade, Policía Local e Garda Civil.