Investigan unha persoa polo incendio de San Cristovo de Cea que calcinou 7,5 hectáreas
No que vai de campaña a Policía Autonómica prendeu 24 persoas como presuntas autoras de incendios forestais

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) en Ourense determinaron que o incendio forestal rexistrado o 17 de setembro no concello de San Cristovo de Cea foi orixinado durante unhas tarefas de roza sen aplicar as medidas de seguridade necesarias neste tipo de traballos.
Os axentes abriron unha investigación á persoa que manexaba a rozadoira que, segundo apuntou a Xunta, estaba a realizar estes traballos nas horas do día de maior temperatura.
O incendio rexistrouse na parroquia de Vilaseco e afectou unha superficie total de case 7,5 hectáreas, 2,97 hectáreas de terreo arborizado e 4,5 de superficie rasa.
Na extinción do incendio participaron catro avións, dous helicópteros, catro axentes forestais, 13 brigadas e catro motobombas. Neste caso, resultou investigada unha persoa e as dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de garda do Carballiño.
No que vai de campaña a UPA leva 24 persoas detidas ou investigadas como presuntas autoras de incendios forestais. A Xunta apela á concienciación e á prudencia para evitar incendios.
O Goberno galego lembra que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.