Arden dous coches nunha urbanización en Santa Cristina
A veciñanza saíu á rúa alertada polas explosións e as lapas
Interviñeron a Policía Local, Emerxencias de Oleiros e bombeiros de Arteixo
"Saímos practicamente todos os veciños do frente do edificio e catro veciños máis da torre do lado, porque a explosión foi tremenda", relata Vanesa Domínguez, veciña da urbanización Oceanía de Santa Cristina.
Foron dous estoupidos que poucos minutos despois da unha da mañá sacaron da casa a maior parte das veciñas e veciños desta urbanización a poucos metros da praia de Santa Cristina, en Oleiros. Cando saíron á porta viron dous coches ardendo.
Interviñeron a Policía Local, Emerxencias de Oleiros e ata o equipo de bombeiros de Arteixo.
Tardaron preto de dúas horas en controlar por completo o incendio. Agora queda saber como puido orixinarse o lume neste primeiro vehículo.
"Neste caso en concreto ardeu bastante rápido, cousa bastante estraña. Pensamos que non empezou no motor porque tiña unha propagación que nos facía pensar iso", explica Juan Suárez, coordinador do Servizo de Emerxencias do concello de Oleiros.
A Garda Civil de Oleiros é agora a responsable da investigación.