Publicador de contidos

Publicador de contidos

Arde un restaurante en Sada e salvan os animais dun cortello lindeiro

Arde un restaurante en Sada e salvan os animais dun cortello lindeiro

O establecemento hostaleiro quedou totalmente calcinado 

Abriuse unha investigación para determinar as causas do lume

Imaxes cedida polos Bombeiros de Betanzos
G24.gal 16/05/2026 10:20

Un restaurante ardeu en Sada (A Coruña), sen que haxa que lamentar feridos, e os bombeiros lograron que tampouco se visen afectados os animais dun cortello lindeiro ao establecemento hostaleiro.

Alén da dotación de Arteixo, achegáronse ata o lugar efectivos de Betanzos que cando chegaron indicaron que o lume estaba descontrolado.

Sacaron tanto os animais como a maquinaria do alpendre, pero o restaurante ardeu por completo e igual sorte tiveron os invernadoiros situados ao lado, segundo a información facilitada por Emerxencias.

As primeiras chamadas de alerta, todas elas de particulares, recibiunas o 112 ás once da pasada noite. Segundo o relato dunha das persoas que avisou, estaba a arder un restaurante no lugar de Souto, en Carnoedo, no concello coruñés de Sada.

Engadiu nesa comunicación que o local estaba pegado a un recinto con animais no seu interior, que se escoitaban moitas explosións e que tamén corría perigo un coche que estaba estacionado.

Desde o 112 Galicia activouse un dispositivo de intervención formado polos Bombeiros de Arteixo, de Betanzos, da Garda Civil, da Policía Local e do persoal do servizo provincial de incendios. Tamén se informou da situación ao persoal do Concello e ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazou unha ambulancia a modo preventivo.

Preto das tres da madrugada os Bombeiros de Arteixo comunicaron ao 112 Galicia que finalizaran a súa intervención. No lugar quedaron os compañeiros de Betanzos refrixerando a zona, e, tras dar por extinguido o lume, confirmaron que ninguén resultara ferido e que se conseguira salvar a zona das cortes.

As causas do incendio están baixo investigación. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade