Publicador de contidos

Publicador de contidos

Arde parte dunha nave agrícola en Arzúa

Arde parte dunha nave agrícola en Arzúa

Nun dos 250 rolos de herba seca que almacenaban na nave estivo a orixe das lapas

O lume iniciouse contra as sete da tarde nunha explotación gandeira en Sedor, na parroquia de Castañeda

G24.gal 06/08/2025 14:02

En Arzúa arde parte dunha nave agrícola que almacenaba rolos de herba seca nun incendio rexistrado na tardiña de onte. As lapas propagáronse moi rápido e como consecuencia do lume o tellado da nave colapsou.

Os 250 rolos de herba seca que arderon aínda seguían fumeando esta mañá. O lume comezou contra as sete da tarde e os donos inmediatamente avisaron o 112.

"Apagar iso é moi laborioso porque hai que desalimentalo e tes que arrefriar as zonas. Para iso sácanse os rolos para unha explanada grande e refréscanse", explica Juan Carlos Sanmartín, cabo dos bombeiros de Arzúa. 

En pouco tempo na explotación había tractores con cisternas, unha pa e moitos veciños desta parroquia de Castañeda traballando para evitar que as lapas e o fume se propagaran á nave lindeira, onde teñen os animais, unhas 200 vacas. De aí que neste tipo de intervencións a coordinación entre os veciños e os bombeiros é fundamental.

"Debemos ter facilidade para ter accesos e por iso todo o mecanismo debe facer unha nora para ir retirando os rolos e desalimentar o incendio", engade Sanmartín. 

Ata o lugar achegáronse os Bombeiros de Arzúa, pero as lapas remataron por provocar o colapso do tellado da nave e foi preciso tamén a intervención dos Bombeiros de Ordes e Protección Civil de Arzúa. Non se sabe certo as causas do incendio, pero puido deberse a unha autocombustión por fermentación dos propios rolos. 

As lapas quedaron extinguidas contra as catro e media da mañá e os donos da explotación seguían a traballar arreo hoxe para rematar de retirar todo da nave que quedou practicamente inservible.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade