Aprender a divertirse como os romanos
Xinzo de Limia organiza obradoiros semanais para xogar ao muíño, un divertimento con máis de dous mil anos de historia
Un taboleiro, dous xogadores, nove fichas de cada cor e moita estratexia. É o que se precisa para xogar ao muíño, un xogo con características semellantes ao tres en raia, as damas e o xadrez pero máis dinámico, segundo un dos organizadores do obradoiro, Adrián Rodríguez, director da Academia Galespace.
A iniciativa partiu da Asociación Cultural Civitas Limicorum que se encarga de organizar a Festa do Esquecemento. O obxectivo é achegar á cultura romana especialmente aos máis novos.
Comezaron achegando estes xogos milenarios ás aulas e agora organizan sesións semanais. Servenlle para prepararse, comenta o seu director, Marcos Argibay Gago, para a gran final contra o Arde Lucus o vindeiro 21 de xuño en Xinzo.
A Festa do Esquecemento celebra este verán o seu 25 aniversario co obxectivo de acadar o recoñecemento como celebración de Interese Turístico de Galicia.