A Garda Civil investiga a morte doutra muller no Porriño
Unha compañeira de piso da vítima atopou o corpo ao chegar á casa na mañá deste venres
Todo apunta a que foi unha morte violenta
A muller, de 53 anos, non estaba no sistema VioGen
Aparace morta unha muller nunha vivenda do Porriño. Esta é a segunda vítima no que vai de semana.
O tráxico suceso coñeceuse este venres contra as 11 da mañá.
Foi unha compañeira de piso da vítima a que chamou o servizo de Emerxencias de Galicia 112 para comunicar que acababa de chegar a unha vivenda e que se atopou co corpo da muller, que cría que estaba morta.
O 112 alertou o 061, a Policía Local e a Garda Civil, que se trasladaron á vivenda onde se atopaba a vítima, situada na avenida de Galicia.
Cando chegou o persoal sanitario, xa só pudo certificar a morte da vítima. A Garda civil fíxose cargo do caso, porque, á espera da autopsia, todo apunta a que se trata dunha morte violenta, segundo informou o subdelegado do Goberno en Pontevedra.
Losada explicou ademais que se trata dunha muller, de 53 anos e que non estaba no sistema VioGen. O representante gobernamental indicou en declaracións á prensa que non se descarta ningunha hipótese
A vítima, ao parecer, non era do Porriño nin residía oficialmente na vivenda onde foi atopada.
Dous homicidios nunha semana en Porriño
Esta foi unha semana tráxica no Porriño. Coa de hoxe, xa son dúas as mulleres que apareceron mortas esta semana. O martes, a vítima mortal foi Teresa, unha empregada do servizo de axuda no fogar. Matouna, presuntamente, o home da muller dependente que coidaba.