Calcinada unha nave da raticida Ratibrom en Vilagarcía de Arousa que obrigou a desaloxar 22 vivendas
Calcinada unha nave da raticida Ratibrom en Vilagarcía de Arousa que obrigou a desaloxar 22 vivendas
O temor á expansión dunha nube tóxica e a existencia dunha gasolineira próxima están detrás das evacuacións preventivas
Das 22 familias desaloxadas só dúas pasarán a noite fóra dos seus fogares
A factoría de Rubiáns da empresa Impex, que comercializa o popular raticida Ratibrom, fora remodelada integramente este mesmo ano. Só durou uns meses, porque hoxe quedou practicamente calcinada. Desde que se declarou o incendio, sobre as once da mañá, disparáronse as alertas por dous motivos: o material inflamable que había no seu interior, que provocou varias explosións, e a existencia dunha gasolineira a menos de 50 metros.
A posible formación dunha nube tóxica obrigou ao desaloxo de 22 vivendas, algunhas moi próximas ás lapas:
"En principio teñen aerosois e algún que outro pesticida e preocupábanos a exposición á nube tóxica", sinalaba en pleno operativo antiincendios o seu responsable, David Padín.
"Chegou a policía, petou na porta e dixo; por favor, saíde, saíde. Eu o que fixen co meu neno foi envolvelo nunha toalla e puxemos máscaras polo fume", é o relato conciso dunha veciña afectada.
Ao final, esa posible nube tóxica quedou limitada á area da nave de Impex. Os bombeiros traballaban contra reloxo para evitar que o lume se propagara a outros almacéns próximos. Estas imaxes corresponden á cámara térmica xerada polo lume, facilitada pola Axega ou Emerxencias Galicia. A esta hora, o incendio está controlado.
"É cuestión de apagar pequenos lumes que quedan prendidos e, por suposto, un labor de vixilancia e arrefriamento a posteriori", matizaba Tania García, tenente de alcalde de Vilagarcía de Arousa.
Só dúas familias con vivendas afectadas polo fume, en ningún caso polo lume, durmirán fóra da casa. O resto xa regresou aos seus fogares despois do susto de ver as lapas a escasos metros.