Chandrexa de Queixa, Monterrei e Oímbra piden ao Goberno ser declarados zonas catastróficas
Os danos deixados polo incendio do municipio son incalculables
Tamén reclaman á Xunta o pastoreo nas zonas queimadas e que as consideren admisibles para a PAC
Os concellos de Monte

O Concello de Chandrexa de Queixa vai solicitar ao Goberno central que declare ao municipio zona catastrófica ou zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil debido aos incendios forestais.
A decisión foi unánime no Pleno do Concello, logo de que o incendio do municipio queimase máis de 16.000 hectáreas e afectase a once aldeas.
O lume afectou tamén a outros seis municipios e queimou en total 19.000 hectáreas, e aínda segue activo.
No acordo do pleno recóllese que esta é a catástrofe ambiental máis grave do concello na súa historia recente e sinala que as consecuencias económicas son incalculables.
Xa morreron varios animais, colapsou unha vivenda e provocou unha falta de abastecemento para alimentar ao gando, polo que é preciso declarala coma zona catastrófica para obter axudas estatais.
O Concello tamén acordou solicitar á Xunta que as superficies queimadas se consideren admisibles para as liñas da Política Agraria Común (PAC).
Tamén queren que se permita o pastoreo, con autorización expresa, nas zonas queimadas e se dispoñan os medios necesarios para reparar os danos.
Ademais, solicitou á Confederación Hidrográfica Miño-Sil que permita a recollida de auga para poder abastecer os animais das explotacións afectadas polos incendios, exenta de taxas debido á excepcionalidade da situación.
Os concellos de Monterrei e Oímbra tamén solicitan ser declrados zona gravemente afectada por unha emerxencia.