A partir do domingo, moita calor
Prevense varios días consecutivos con máximas superiores aos trinta graos
A cara desta mañá na metade norte de Galicia era fresca e medio gris. Ao paso dunha pequena fronte uníase, facendo as delicias dos que visitan Galicia nesta época, o vento nordés. Ese vento vai ir calmando o domingo e, canda esa calma, chega unha masa de aire norteafricana, "e aí está o inicio dun episodio de calor que se prevé bastante importante", explica Xoán Taboada, de Meteogalicia.
Serán xornadas consecutivas de temperaturas altas. E de moito traballo para os nosos meteorólogos, pendentes de como vai evolucionando a situación e en contacto con Saúde Pública para, se fose necesario, lanzar avisos á poboación. Xoán Taboada explícanos que eses avisos van dependendo do número de xornadas en que se sosteña a intensidade da calor. Os niveis de aviso, ademais, teñen en conta as temperaturas da serie histórica en cada zona.
"Non é o mesmo vivir en Ourense capital, onde xa hai unha certa adaptación á situación de 35ºC que vivir nas Rías Altas, onde esas temperaturas son moito máis excepcionais. O que se tenta cando se dan estes avisos é que as persoas tomen precaucións. Hidratarse, levar roupa lixeira, evitar comidas copiosas e non expoñerse ao sol nas horas centrais do día... etc", explica Xoán Taboada, de Meteogalicia