Aparece o corpo sen vida dun home aboiando no mar na Guarda
Estaba preto da praia de Fedorento, na parroquia de Salcidos
Os servizos de emerxencia interviñeron no rescate dun home que apareceu aboiando no mar preto da praia de Fedorento, na parroquia de Salcidos, no concello da Guarda.
Polo momento, transcendeu que se trata dun veciño de Tui duns 70 anos que probablemente estaba pescando e esvarou, precipitándose ao mar.
Segundo informa o 112, tivo constancia deste suceso ao redor das 12:50 horas tras recibir a chamada dun particular que alertou da presenza do corpo dunha persoa aboiando na auga, a uns seis metros das rochas.
O centro de atención de emerxencias activou un operativo no que participaron Salvamento Marítimo, o Servizo de Gardacostas de Galicia, o GES, a Garda Civil e o 061.
Ao chegaren ao lugar dos feitos, os equipos recuperaron o corpo e iniciaron as manobras de reanimación. Con todo, malia os esforzos do persoal médico, nada se puido facer para salvarlle a vida.
Así mesmo, mobilizouse o helicóptero Pesca I ante a posibilidade de que a marea crecente dificultase o acceso á zona onde se realizaban os labores de asistencia.
