Investigan a morte dunha muller que apareceu no punto limpo do Carballiño
Un operario do servizo de limpeza localizou o cadáver de madrugada
É unha veciña do concello, de 38 anos e nacionalidade brasileira
A Garda Civil de Ourense investiga as circunstancias do falecemento dunha muller de 38 anos, veciña do Carballiño. O seu cadáver apareceu no punto limpo do concello.
Entre a unha e as tres da mañá, o servizo de recollida de lixo da Deputación provincial retira os colectores da vila do Carballiño e descárgaos na planta de transferencia onde tamén está o punto limpo.
Foi entón, cando o chofer do camión, o único operario do servizo, observou algo estraño. Nun primeiro momento pensou que podía ser un manequín, como xa lles pasou noutras ocasións, pero chamou o capataz.
Ao comprobaren que se trataba dun cadáver, avisaron á Garda Civil, que precintou o depósito para buscar posibles probas. O cadáver foi trasladado ao complexo hospitalario ourensán para facerlle a autopsia.
Golpes e mazaduras
Xa está identificada. Trátase dunha muller de 38 anos, de nacionalidade brasileira pero residente no Carballiño. O corpo presentaba golpes e mazaduras, pero non se sabe polo momento se foron intencionados ou polo proceso mecánico da recollida do lixo.
O camión ten capacidade para 12 metros cúbicos de residuos. Todos os colectores procedían da zona urbana do Carballiño, que é onde fan a recollida dos sábados á noite. Pendentes do resultado da autopsia, isto é o único que transcendeu polo momento, xa que o xulgado decretou o segredo das actuacións.