Anulada a resolución do Instituto Xeográfico Nacional: Ría de Ribadeo imponse a Ría do Eo
A Subsecretaría anula a resolución do IXN que fixaba a cooficialidade

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana inadmite por agora a cooficialidade dos topónimos Ría de Ribadeo e Ría do Eo, de maneira que se impón a primeira sobre a segunda, proposta polo Principado de Asturias e avalada polo Instituto Xeográfico Nacional.
"Hoxe, na Deputación de Lugo recibimos unha resolución da Subsecretaría de Transportes en que se avalan as alegacións que presentamos contra a resolución do pasado mes de outubro que ditou a Dirección Xeral do Instituto Xeográfico Nacional", confirmou a portavoz socialista do goberno provincial Pilar García Porto.
A Subsecretaría anula a resolución do IXN que fixaba a cooficialidade e, ao mesmo tempo, ordena "retrotraer as actuacións ao momento previo á solicitude dun informe" á comisión especializada de nomes xeográficos, que terá que emitir un ditame con "motivación suficiente".
"Isto significa que se avala a postura e os argumentos que expuxemos no seu día na Deputación de Lugo, no recurso de alzada que presentamos", recalcou a portavoz do goberno provincial. E é que, "fronte á exhaustiva motivación formulada desde esta institución, avalada por un informe de técnicos" da Universidade de Santiago de Compostela, o Ministerio considera que a resolución do Instituto Xeográfico Nacional "non estaba motivada en tanto que se baseou nun informe da comisión especializada de nomes xeográficos".