Rescatan dous pescadores tras o incendio do seu barco en Muros
Ambos quedaron feridos e tiveron que ser trasladados ao Hospital do Barbanza, un deles con queimaduras na cara
Gardacostas realizou os labores de extinción, pero non puido evitar o afundimento da embarcación
A Xunta activa o plan anticontaminación polo "considerable" vertido de gasóleo
Dous pescadores foron rescatados tras declararse un incendio no barco en que pescaban. Ambos tiveron que ser trasladados ao Hospital do Barbanza, un deles con queimaduras na cara.
O 112 Galicia tivo constancia deste suceso ás 06:15 horas a través do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Enviaron unha ambulancia ao porto pesqueiro de Porto do Son para recoller estes dous mariñeiros, que sufriron un incendio no barco Nuevo Mariña cando pescaban a máis de tres millas da costa de Louro.
Os tripulantes do palangreiro, dous irmáns xemelgos de Fisterra, empregaron a balsa salvavidas para fuxir das lapas.
"Estaban pescando robaliza cando se incendiou o barco. Non se sabe o motivo, quizais un curtocircuíto nas baterías ou no motor, pero ardeu por completo", explica Daniel Formoso, o patrón maior de Muros.
Por sorte, o fume do incendio chamou a atención doutros dous pesqueiros que traballaban na zona e saíron ao rescate. Lograron salvalos desde a balsa mentres o barco era devorado polo lume.
"Os dous que estaban na zona, a dúas ou tres millas, viron moita luz e pensaron primeiro que era outro tipo de embarcación. Pero logo xa se deron de conta do que pasaba. Foi rescatalos o barco que estaba máis preto, o Chaínza, que ten base no Porto do Son".
A Salvamar Regulus, de Salvamento Marítimo, recolleu os feridos e levounos ata o porto de Porto do Son, desde onde os trasladaron en ambulancia ao Hospital do Barbanza. Un deles presentaba queimaduras na cara.
"Son dous irmáns xemelgos, e un deles tiña queimaduras na cara e nos brazos pero, en principio, non parecían moi graves".
No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Salvamento Marítimo, o Servizo de Gardacostas de Galicia e os axentes da Garda Civil.
O Buque Mar de Galicia do Servizo de Gardacostas realizou os labores de extinción no Nuevo Mariño e finalmente informou do afundimento da embarcación.
A Xunta activa o plan anticontaminación pola "considerable" vertedura de gasóleo
A Xunta activou o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Camgal), no seu nivel medio, por unha vertedura de gasóleo de "tamaño considerable" ocasionado polo incendio e posterior afundimento do Nuevo Mariña.
Ademais, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, dirixiu un escrito ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, para solicitar a activación do Plan Marítimo Nacional, que efectivamente se puxo en marcha "en fase de alerta", tal e como informa a Xunta nun comunicado.
Gardacostas de Galicia traballa na zona desde primeira hora coa patrulleira María de Pazos, da base de Portosín, despois de ser notificada do incidente. Tamén permanece no lugar coa patrulleira Mar de Galicia, facendo tarefas de dispersión mecánica "ante o tamaño considerable" da vertedura.
Así mesmo, o servizo autonómico solicitou a Salvamento Marítimo "todos os medios dispoñibles" na zona para evitar que a mancha de hidrocarburos chegue ás praias galegas nas próximas horas.