Publicador de contidos

Publicador de contidos

Uns 200 bombeiros loitan contra un incendio na illa de Quíos, en Grecia

Uns 200 bombeiros loitan contra un incendio na illa de Quíos, en Grecia

O incendio comezou o pasado domingo e xa leva dous días activo

Os corpos de seguridade confían en que hoxe sexa controlado, pero saben que aínda queda moito por facer

Reuters
G24.gal 23/06/2025 10:11

Arredor de 200 bombeiros están loitando contra un grande incendio na illa grega de Quíos, no leste do mar Exeo. Hoxe é o segundo día de loita contra o lume, que se desatou o domingo, en tres fontes separadas que se acabaron fusionando e creando un incendio enorme.

Segundo a prensa local, durante a noite arderon tres casas no pobo de Kariés e noutras zonas da illa non teñen electricidade polos danos provocados nos postes eléctricos.

A loita contra as lapas durou toda a noite. Segundo a ERT ás seis da mañá hora local renováronse lanzamentos con auga logo da chegada de equipos de reforzo de Atentas e Salónica

Por terra, os bombeiros contan con 38 camións cisterna, a axuda de 11 grupos de unidades de sendeirismo e coa asistencia de maquinaria do Exército. Tamén contan con 11 helicópteros e 4 avións cisterna.

O portavoz dos bombeiros, Vasilis Vathrakoyannis, declarou que hai moitos focos do lume e o radio deste é moi amplo, polo q teñen moito traballo. Tamén manifestou que espera que hoxe se consiga controlar o lume, debido á menor forza que teñen os ventos.

Aínda así, como advertiu o deputado de Quíos polo gobernante partido Nova Democracia, Notis Mitarakis, a situación segue sendo difícil.

"Desafortunadamente, a fronte estendeuse moito e o vento, aínda que non como onte, segue sendo forte. A situación na nosa illa non ten precedentes. Un incendio apágase, outro se acende nalgún lugar próximo", declarou pola súa banda o alcalde de Quíos, Yiannis Malafis, a Kathimerini.

Agora, a zona máis perigosa atópase no centro de Quíos, entre Dafnon e o Nea Moni de Quíos. Segundo o alcalde, o que máis preocupa é que o incendio se estea achegando perigosamente ao mosteiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar