Herbas e auga de San Xoán para afastar o meigallo
Segundo a tradición, hai que meter na auga unha folla de loureiro e unha de figueira para que as bruxas non mexen nela
Unha vez feito o ramo de herbas, hai que metelo en auga baixo o orballo e a luz da Lúa e dicir: "Auga de San Xoán, dáme sorte para hoxe e para mañá"
Outra tradición que non pode faltar é a da auga de San Xoán. Son moitos os que hoxe preparan os seus ramos para deixalos toda a noite somerxidos baixo a luz da lúa. Para algúns trátase dunha auga máxica ben como cura de beleza, ben como conxuro contra o meigallo.
Un tras doutro, así están a vender os ramos de San Xoán en florerías de toda Galicia. Din que "habelas, hainas", e o meigallo hai que botalo fóra.
A tradición manda, e di que o ramo ten que ter un número de herbas impar. Para algúns teñen que ser sete, somerxelas en auga de sete fontes e deixalas baixo a luz da lúa e do orballo. Poden escoller entre 33 plantas que inclúen romeu, fiúncho, árnica que todas as dores cura, menta, loureiro e por suposto, a flor de San Xoán.
Tamén di a tradición que hai que meter na auga unha folla de loureiro e unha de figueira para que as bruxas non mexen nela. Unha vez feito o ramo de herbas, hai que metelo en auga baixo o orballo e a luz da Lúa e dicir: "Auga de San Xoán dáme sorte para hoxe e para mañá".
As herbas despregan as súas propiedades durante a noite máis curta do ano. Ao día seguinte hai que lavar a cara e o peito e mesmo a casa con esa auga de San Xoán. Tamén hai que deixar secar o ramo, que será o garda do fogar durante todo o ano ata botalo o lume no San Xoán do 2026.