A choiva obrigou a suspender o Gozoso Encontro, que reúne tres pasos procesionais, en Ferrol
Remata unha Semana Santa marcada pola meteoroloxía adversa, que impediu este domingo a confluencia de tres confrarías na praza de Armas
A choiva tampouco permitiu que se materializase o Gozoso Encontro en Ferrol. Neste domingo de Resurrección estaba previsto pechar a Sema Santa coa confluencia dos pasos de tres confrarías na praza de Armas: a Mercé, a Soidade e as Angustias. Pero non puido ser.
"Tivemos que suspender as procesións todas, porque ao mellor ás doce vén bo tempo ou non chove, imos dicilo así, pero ás doce xa tiña que estar todo aquí. Hai que trasladalas e non podes poñer o patrimonio en perigo baixo ningún concepto", explicaba César Carreño, presidente da Xunta de Confrarías de Ferrol.
Unha alfombra floral, realizada polos alfombristas do Corpus de Ponteareas, ía realzar o Gozoso Encontro fronte ao palacio municipal. Dous mil caraveis e moitos outros ornatos naturais déronlle forma e resistiu a choiva.
"O problema das alfombras florais de Ponteareas e de todas, o peor inimigo é o vento. O vento é o que altera todo, a choiva se cae pouquiño a pouco o que fai é fixar", matiza Fernando Centenera, integrante da Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas.
Entre os ferroláns e os visitantes chegados á cidade para ver os pasos procesionais, decepción e tamén resignación.
"Vin que saíu unha figura cun altar de madeira e a xente queixouse porque se estaba mollando", di unha muller procedente de Ourense.
"A xente que o leva preparando todo o ano é un esforzo de tempo e despois quedar co mel nos beizos é un pouco duro", comenta un ferrolán.
"Xa chegamos o venres, pero nada. Procesionamos un pouquiño así: paseo, bar, casa, durmir, hotel", sinala con ironía outra visitante chegada á cidade departamental.
Ferrol pon punto final á Semana Santa e para este Luns de Pascua queda o epílogo da tradicional romaría de Chamorro, que é a primeira gran romaxe da primavera galega.