"As prácticas temerarias de Silicon Valley Bank non se dan en bancos europeos"
O analista financeiro Ángel Berges asegura que a actuación dos organismos reguladores e a solvencia da banca conseguiron frear a onda expansiva da quebra do Silicon Valley Bank
Berges cre que o Banco Central Europeo seguirá subindo os tipos de xuro, aínda que é probable que modere ou desacelere o ritmo de crecemento
A combinación dunha suba agresiva de tipos por parte dos bancos centrais despois dun longo periodo de xuros cero e de prácticas temerarias dalgúns bancos estadounidenses conduciu, segundo o experto en finazas Ángel Berges, á caída do Silicon Valley Bank e ás convulsións nos mercados dos últimos días.
Nunha entrevista na Radio Galega, Ágel Berges, fundador de Analistas Financeiros Internacionais, asegurou que a banca europea está libre destas prácticas e que a onda expansiva da crise bancaria estadounidense está controlada grazas á actuación contundente dos organismos reguladores.
"Nunca se pode dicir que o tema está absolutamente superado, pero creo que a actuación das autoridades reguladoras estadounidenses, sobre todo o Tesouro, foi moi contundente. Con iso, unido a que a banca europea non presenta os desequilibrios deses dous ou tres bancos norteamericanos que foron intervidos, eu creo que podemos estar razoablemente tranquilos".
"O Silicon Valley Bank tiña investida a metade do seu balance en bonos a longo prazo a tipos moi baixos financiados con depósitos de alta volatilidade, e iso non é unha boa práctica".
Berges non cre que a situación xerada pola quebra dos bancos estadounidenses inflúa na decisión do Banco Central Europeo de seguir subindo os tipos de xuro. Cre que pode moderarse ou retardar o ritmo de crecemento, pero está convencido de que os tipos van seguir subindo.
"Creo que o BCE non vai renunciar a seguir subindo os tipos. A UE e os EUA están en situacións distintas. A Reserva Federal achegouse xa ao 5 %; o BCE está na metade e quédalle marxe para subir. É posible que demore algo máis e non me estrañaría que mañá en vez de 50 puntos, suba 25 e garde os outros 25 para a seguinte ocasión. Pero non creo que renuncie a subir, porque a inflación está aínda moi alta".
Respecto das leves baixadas do Euribor dos últimos días, o experto considera que non se van repetir por agora, cando menos mentres o BCE continúe subindo os tipos de xuro. Lembra ademais que o Euribor está aínda un punto por riba de onde está o BCE.
"O Euribor baixará cando o BCE acabe de subir os tipos, que será nalgún momento da segunda metade deste ano, pero por agora non vai seguir baixando".
Para Berges, a unión bancaria europea está completada nunha alta porcentaxe, sobre todo no que se refire aos mecanismos de supervisión. Pero falta concretar unha garantía de depósitos común.
"A pata que falta por completar é unha garantía de depósitos común. Agora mesmo só existe en cada país. Estes fondos comúns serían os que activarían se houbese que liquidar un banco, que non resolver" .